Quen somos

lunes, 20 de junio de 2011

500 persoas gozaron da mellor música no Sobreira Rock

Máis de cincocentas persoas puideron gozar da mellor música actual co cartel do Sobreira Rock. O pasado sábado electrónica, rock, psicodelia, hardcore ou as influencias surf pasaron polo escenario do Sobreira e amosaron a calidade e variedade dos novos grupos musicais galegos.

O festival comezou ás once da noite con Rockin' for Tangas, un grupo de Valadares que aposta polo hardcore melódico e polo sentido do humor. Caracterizados como veraneantes e armados con guitarras eléctricas, parasol e neveira portátil, os Rockin' amosaron todo o seu bo facer e o seu contundente son. Aínda máis neste concerto que foi a segunda actuación para o seu novo cantante e confirmou o fantástico momento da formación.

A segunda quenda da noite foi para os Santos Morcegos!!!. O grupo da Guarda aposta por un son que rememora os anos cincuenta e o mundo do surf. Os Morcegos levantaron aínda máis o ánimo do público cunha aposta moi bailable.

Holywater presentou na Sobreira o ultimo disco The Path to Follow. O cuarto álbum dos músicos de Lugo aposta polo rock máis clásico cun directo que soa aínda mellor que as grabacións. Ademais, o público de Vigo terá unha segunda ocasión para escoitalos en dúas semanas dentro do cartel do festival Vigo Transforma.

Dende Pontevedra chegou Unicornibot, o cuarto grupo da noite. Os mozos da cidade da Peregrina conxugan varios estilos (math rock, hardcore, psicodelia) e conseguen un ritmo quebrado e feroz. O público da Sobreira rendeuse a eles dende o comezo do directo, cando constrúen os seus cascos de papel albal cun estrano e fascinante ritual.

O peche da noite correu a cargo de Chuzausen. O músico colocou o perfecto broche electrónico e lúdico a unha noite chea de música excelente e un grande público.

A partires deste momento a organización volve traballar sobre a vindeira edición do Sobreira Rock, a cuarta ocasión para un festival que sempre aposta polos novos grupos galegos. O Sobreira Rock é organizado por un grupo de 30 mozos e mozas vinculados a diferentes grupos de música vigueses (Saldos Arias, Rockin’ for Tangas, Katana Chaos, Nightmares…) coa colaboración da Xuntanza Xuvenil de Valadares (organizadores de oito edicións do festival Revoltallo).

O certame organízase grazas ao traballo desinteresado e non remunerado destes mozos e conta co patrocinio do programa Iniciativa Xove, da Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, da AIE (Artistas Intérpretes o Ejecutantes Sociedad de Gestión) e coa colaboración económica de negocios comprometidos coa música.

E tamén podedes lembrar o mellor da noite con estas estupendas fotos de David Tombilla.























No hay comentarios:

Publicar un comentario