lunes, 20 de junio de 2011

500 persoas gozaron da mellor música no Sobreira Rock

Máis de cincocentas persoas puideron gozar da mellor música actual co cartel do Sobreira Rock. O pasado sábado electrónica, rock, psicodelia, hardcore ou as influencias surf pasaron polo escenario do Sobreira e amosaron a calidade e variedade dos novos grupos musicais galegos.

O festival comezou ás once da noite con Rockin' for Tangas, un grupo de Valadares que aposta polo hardcore melódico e polo sentido do humor. Caracterizados como veraneantes e armados con guitarras eléctricas, parasol e neveira portátil, os Rockin' amosaron todo o seu bo facer e o seu contundente son. Aínda máis neste concerto que foi a segunda actuación para o seu novo cantante e confirmou o fantástico momento da formación.

A segunda quenda da noite foi para os Santos Morcegos!!!. O grupo da Guarda aposta por un son que rememora os anos cincuenta e o mundo do surf. Os Morcegos levantaron aínda máis o ánimo do público cunha aposta moi bailable.

Holywater presentou na Sobreira o ultimo disco The Path to Follow. O cuarto álbum dos músicos de Lugo aposta polo rock máis clásico cun directo que soa aínda mellor que as grabacións. Ademais, o público de Vigo terá unha segunda ocasión para escoitalos en dúas semanas dentro do cartel do festival Vigo Transforma.

Dende Pontevedra chegou Unicornibot, o cuarto grupo da noite. Os mozos da cidade da Peregrina conxugan varios estilos (math rock, hardcore, psicodelia) e conseguen un ritmo quebrado e feroz. O público da Sobreira rendeuse a eles dende o comezo do directo, cando constrúen os seus cascos de papel albal cun estrano e fascinante ritual.

O peche da noite correu a cargo de Chuzausen. O músico colocou o perfecto broche electrónico e lúdico a unha noite chea de música excelente e un grande público.

A partires deste momento a organización volve traballar sobre a vindeira edición do Sobreira Rock, a cuarta ocasión para un festival que sempre aposta polos novos grupos galegos. O Sobreira Rock é organizado por un grupo de 30 mozos e mozas vinculados a diferentes grupos de música vigueses (Saldos Arias, Rockin’ for Tangas, Katana Chaos, Nightmares…) coa colaboración da Xuntanza Xuvenil de Valadares (organizadores de oito edicións do festival Revoltallo).

O certame organízase grazas ao traballo desinteresado e non remunerado destes mozos e conta co patrocinio do programa Iniciativa Xove, da Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, da AIE (Artistas Intérpretes o Ejecutantes Sociedad de Gestión) e coa colaboración económica de negocios comprometidos coa música.

E tamén podedes lembrar o mellor da noite con estas estupendas fotos de David Tombilla.























viernes, 17 de junio de 2011

Atención!! O Sobreira Rock comezará ás 23.00 horas!!

Cambio de horarios no Sobreira Rock que finalmente comezará ás 23.00 horas cos grupos e o horario previsto.

Pedísmosvos desculpas polas molestias e agardámosvos na Sobreira ás 23.00 horas!!

miércoles, 15 de junio de 2011

O sábado o rock alternativo chega a Vigo!!!

Este sábado, 18 de xuño, ás 22.00 horas o rock alternativo chega a Vigo co Sobreira Rock. Xa temos horario, grupos, bocatas (como os da túa nai) e non temos entradas porque é de balde.

Haberá rock alternativo, psicodelia, electrónica, live set ou surf. Os concertos comezan ás 22.00 horas cun grupo por confirmar e ás 23.00 horas subirán ao escenario os Rockin' for tangas para traer o hardcore melódico cun dos directos máis divertidos e contundentes.

Ás 24.00 horas será o turno do Surfedorento Rock’n’Roll e a súa aposta polo son surf e o humor. Santos Morcegos!!! presenta, ademais, o seu novo disco "Ecstasy of Fedorento" (D.I.Y. 2010).

Holywater é recoñecido como unha das apostas de futuro do rock alternativo. Xa con catro discos editados e xiras por España e Europa, pódense recoñecer facilmente pola voz de Ricardo Rodríguez e a forza e calidade dos seus concertos. Á 1.00 presentan o seu último álbum "The Path to Follow" no Sobreira Rock.

De seguido, ás 2.00 horas chegarán os Unicornibot que son sinónimo de psicodelia, rock progresivo, math rock e hardcore. Sen cantante, pero cunha forza instrumental arrolladora, Unicornibot tamén presenta LP no Sobreira: "Hare Krishna”.

Para rematar a noite o Sobreira Rock conta con Chuzausen . Ás 3.00 horas comezarán a soar as ondas electrónicas en Valadares cun live set dde pura enerxía.

Agardámosvos no párking do Instituto de Ensinanza Secundaria de Valadares!!! (Clara Campoamor, s/n)