Mostrando entradas con la etiqueta Sobreira Rock. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Sobreira Rock. Mostrar todas las entradas

lunes, 20 de junio de 2011

500 persoas gozaron da mellor música no Sobreira Rock

Máis de cincocentas persoas puideron gozar da mellor música actual co cartel do Sobreira Rock. O pasado sábado electrónica, rock, psicodelia, hardcore ou as influencias surf pasaron polo escenario do Sobreira e amosaron a calidade e variedade dos novos grupos musicais galegos.

O festival comezou ás once da noite con Rockin' for Tangas, un grupo de Valadares que aposta polo hardcore melódico e polo sentido do humor. Caracterizados como veraneantes e armados con guitarras eléctricas, parasol e neveira portátil, os Rockin' amosaron todo o seu bo facer e o seu contundente son. Aínda máis neste concerto que foi a segunda actuación para o seu novo cantante e confirmou o fantástico momento da formación.

A segunda quenda da noite foi para os Santos Morcegos!!!. O grupo da Guarda aposta por un son que rememora os anos cincuenta e o mundo do surf. Os Morcegos levantaron aínda máis o ánimo do público cunha aposta moi bailable.

Holywater presentou na Sobreira o ultimo disco The Path to Follow. O cuarto álbum dos músicos de Lugo aposta polo rock máis clásico cun directo que soa aínda mellor que as grabacións. Ademais, o público de Vigo terá unha segunda ocasión para escoitalos en dúas semanas dentro do cartel do festival Vigo Transforma.

Dende Pontevedra chegou Unicornibot, o cuarto grupo da noite. Os mozos da cidade da Peregrina conxugan varios estilos (math rock, hardcore, psicodelia) e conseguen un ritmo quebrado e feroz. O público da Sobreira rendeuse a eles dende o comezo do directo, cando constrúen os seus cascos de papel albal cun estrano e fascinante ritual.

O peche da noite correu a cargo de Chuzausen. O músico colocou o perfecto broche electrónico e lúdico a unha noite chea de música excelente e un grande público.

A partires deste momento a organización volve traballar sobre a vindeira edición do Sobreira Rock, a cuarta ocasión para un festival que sempre aposta polos novos grupos galegos. O Sobreira Rock é organizado por un grupo de 30 mozos e mozas vinculados a diferentes grupos de música vigueses (Saldos Arias, Rockin’ for Tangas, Katana Chaos, Nightmares…) coa colaboración da Xuntanza Xuvenil de Valadares (organizadores de oito edicións do festival Revoltallo).

O certame organízase grazas ao traballo desinteresado e non remunerado destes mozos e conta co patrocinio do programa Iniciativa Xove, da Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, da AIE (Artistas Intérpretes o Ejecutantes Sociedad de Gestión) e coa colaboración económica de negocios comprometidos coa música.

E tamén podedes lembrar o mellor da noite con estas estupendas fotos de David Tombilla.























miércoles, 15 de junio de 2011

O sábado o rock alternativo chega a Vigo!!!

Este sábado, 18 de xuño, ás 22.00 horas o rock alternativo chega a Vigo co Sobreira Rock. Xa temos horario, grupos, bocatas (como os da túa nai) e non temos entradas porque é de balde.

Haberá rock alternativo, psicodelia, electrónica, live set ou surf. Os concertos comezan ás 22.00 horas cun grupo por confirmar e ás 23.00 horas subirán ao escenario os Rockin' for tangas para traer o hardcore melódico cun dos directos máis divertidos e contundentes.

Ás 24.00 horas será o turno do Surfedorento Rock’n’Roll e a súa aposta polo son surf e o humor. Santos Morcegos!!! presenta, ademais, o seu novo disco "Ecstasy of Fedorento" (D.I.Y. 2010).

Holywater é recoñecido como unha das apostas de futuro do rock alternativo. Xa con catro discos editados e xiras por España e Europa, pódense recoñecer facilmente pola voz de Ricardo Rodríguez e a forza e calidade dos seus concertos. Á 1.00 presentan o seu último álbum "The Path to Follow" no Sobreira Rock.

De seguido, ás 2.00 horas chegarán os Unicornibot que son sinónimo de psicodelia, rock progresivo, math rock e hardcore. Sen cantante, pero cunha forza instrumental arrolladora, Unicornibot tamén presenta LP no Sobreira: "Hare Krishna”.

Para rematar a noite o Sobreira Rock conta con Chuzausen . Ás 3.00 horas comezarán a soar as ondas electrónicas en Valadares cun live set dde pura enerxía.

Agardámosvos no párking do Instituto de Ensinanza Secundaria de Valadares!!! (Clara Campoamor, s/n)


jueves, 2 de junio de 2011

Festa de presentación do Sobreira Rock na sala Farándula!

Este sábado, 4 de xuño, presentarase o festival Sobreira Rock cunha festa na sala Farándula (Rogelio Abalde, 6) a partires das 23.00 horas. Haberá rock, electrónica e actuacións sorpresa que avanzarán a paixón e o entusiasmo co que se vive a música no Sobreira Rock.

O concerto comezará coa actuación de Flying Soup, un conxunto alternativo de inspiración grunge que darán o toque máis rockeiro á festa. De seguido, tocará Electromordor, unha aposta pola música electrónica e o ruidismo lo-fi cun live set arriscado e interesante.

E como peche de noite haberá actuacións de DJs sorpresa que amenizaran a noite coa mellor selección musical: dende os temas de bandas que tocaron ou tocarán no Sobreira Rock ata temas clásicos nunha noite de festa rachada!

A entrada ten un custo de 3 euros que se dedicarán integramente á organización do festival Sobreira Rock. O certame celebrarase o vindeiro 18 de xuño no instituto de ensinanza secundaria de Valadares coa actuación das bandas Holywater, Unicoribot, Santos Morcegos!!!, Rockin for Tangas, One for Apocalypse e Chuzausen.

Agardámosvos alí!!!


lunes, 30 de mayo de 2011

O Sobreira Rock quenta motores!

A organización do Sobreira Rock está ultimando os últimos detalles da terceira edición do certame que volverá a reunir a unha excelente escolma dos mellores grupos o sábado, 18 de xuño, en Valadares.

Podedes mantervos ao día das últimas novidades a través deste blog, no Twitter, Facebook, Last.fm,  ou no MySpace.

Chega o rock!