Prensa

Podedes descargar o dossier de prensa e fotos en alta resolución do festival Sobreira Rock neste enlace.


NOTA DE PRENSA

- O III Sobreira Rock trae o mellor rock alternativo este sábado a Vigo

Este sábado, 18 de xuño, o parking do Instituto de Ensinanza Secundaria de Valadares acollerá a terceira edición do festival Sobreira Rock, un certame que trae cada o mellor do rock alternivo a Vigo. Os grupos Holywater, Unicornibot, Santos morcegos!!!, Rockin' for tangas e Chuzausen compoñen o cartel dun certame que o ano pasado congregou a 2.500 persoas en dous escenarios. A entrada é gratuíta.

As actuacións comezarán a partires das 23:00 horas coa actuación de Rockin´ for tangas, un grupo formado por novos músicos vigueses que entenden o hardcore melódico dun xeito verdadeiramente singular e contan cun dos directos máis contundentes e divertidos da cidade. Chisco (Batería e voz), Will (baixo), Pablito (guitarra), Javichu (Guitarra) e Abraham (Voz) pasaron antes por outros grupos alternativos do circuíto vigués como Katana Chaos e Bingo al 7.

Ás 24:00 horas chegará ao escenario Santos Morcegos!!! quen tomou o nome dunha das series que marcou a súa infancia. O grupo creou a súa propia etiqueta sonora: a do Surfedorento Rock’n’Roll. Na súa primeira maqueta, “The Abrecadáver EP” (D.I.Y. 2009), xa mostraron a súa pegada de sons surf e humor en cancións como Fur Elisa ou a Marcha Fúnebre impunemente e no seu novo e hilarante disco, "Ecstasy of Fedorento" (D.I.Y. 2010). Santos Morcegos!!! Pode presumir de ter teloneado a El Vez.

O cuarto grupo en actuar será Holywater á 1.00 hora. Holywater está formado por catro músicos de Lugo liderados pola voz de Ricardo Rodríguez. O grupo conta xa con catro discos editados: “Handle with Care” (Astro, 2001), “Sides” (Astro, 2004), “Tranquility” (Astro, 2008) e “The Path to Follow” (Ernie Producciones, 2010). Con xiras por España e Europa nas súas costas, Holywater presenta en Vigo e no Sobreira Rock o seu último disco “The Path to Follow”. Esta é a primeira ocasión na que o propio grupo participa na produción do disco xunto a Santi García (Nueva Vulcano, Mujeres, Delorean, Half Foot Outside), e tamén é o primeiro que gravan nos Estudios Ultramarinos Costa Brava.

Ás 2:00 horas será o turno da psicodelia de Unicornibot. Unicornibot formouse no 2008 en Pontevedra como experimento a través do que dar rienda solta á imaxinación por parte de catro músicos dementes. Dende a psicodelia e o rock progresivo ata o rock clásico, pasando polo math rock e o hardcore, os Unicornibot ofrecen un directo arrollador que agora plasmaron no seu primeiro LP, “Hare Krishna”, un demoledor compendio de nove cancións gravadas en riguroso directo en Estudios Brazil por Javier Ortiz e masterizadas por Bob Weston (Shellac) en Chicago Mastering Service.

Chuzausen estará encargado de pechar a noite a partires das 3.00 horas coa enerxía da súa música electrónica. Nado en Madrid (España), Alberto Vázquez é coñecido artisticamente co nome de Chuzausen. Vázquez vive en Vigo dende os tres anos. Dende hai máis de doce anos, Chuzausen crea música en trackers (Impulse Tracker, Scream Tracker…). Ten publicado álbumes como “Profit 0” e colabora como músico e técnico de son en distintos proxectos audiovisuais.

O Sobreira Rock está organizado por un grupo de 30 mozos e mozas vinculados a diferentes grupos de música vigueses (Saldos Arias, Rockin’ for Tangas, Katana Chaos, Nightmares…) coa colaboración da Xuntanza Xuvenil de Valadares (organizadores de oito edicións do festival Revoltallo).

O certame organízase grazas ao traballo desinteresado e non remunerado destes mozos e conta co patrocinio do programa Iniciativa Xove, da Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, da AIE (Artistas Intérpretes o Ejecutantes Sociedad de Gestión) e coa colaboración económica de negocios comprometidos coa música.

A edición deste ano do Sobreira Rock presentouse o 22 de maio coa primeira romaría Sobreira Rock, organizada en colaboración coa asociación Xuntanza Xuvenil de Valadares. O 4 de xuño o certame celebrou o seu concerto de presentación na Sala Farándula onde unhas 100 persoas puideron gozar do directo do grupo de rock alternativo Flying Soup, do live set de Electromordor e da sesión dun DJ sorpresa.